martes, 26 de xuño de 2018

INTERCAMBIO CULTURAL EDUCATIVO CO CEIP PLURILINGÜE A GÁNDARA DE MONFORTE DE LEMOS

En total realizaron este intercambio cultural educativo 70 alumnos/as: 22 alumnos/as de 3º e 4º Curso de EP do CEIP San Miguel de Reinante Barreiros e 48 alumnos/as de 3º e 4º Curso de EP do CEIP Plurilingüe A Gándara de Monforte de Lemos.
 
O intercambio comezou cunha carta de presentación colectiva e unhas descricións realizadas polo alumnado que xunto cunha foto grupal de cada clase que participaba na actividade de intercambio (3º e 4º de EP dos dous colexios) nos enviamos mutuamente vía postal en primeiro termo no mes de marzo e vía electrónica posteriormente para unha mellor visualización do alumnado. 

A comunicación electrónica incluiu  pois unha videoconferencia realizada o venres 25 de maio e o envío de fotos e autodescricións escritas realizadas polo alumnado para a identificación antes da xornadas de convivencia e a consulta periódica das actividades realizadas publicadas no noso blogue.

Ademais, neste intercambio realizamos dúas xornadas de convivencia (unha en Barreiros e outra en Monforte de Lemos) nas que o alumnado dos dous colexios se coñeceu persoalmente e compartiu actividades e visitas “in situ”.


-Excursión ao Museo do Mar en San Cibrao (Cervo). 

Na primeira xornada de convivencia que se celebrou o xoves 31 de maio en Barreiros visitáronnos os alumnos/as de 3º e 4º curso de EP do CEIP Plurilingüe A Gándara. 
 En primeiro lugar visitaron as estancias do noso colexio e logo partimos cara o Concello de Barreiros onde tivo lugar unha recepción por parte do alcalde no Salón de Plenos. Alí, Alfonso Fuente, o alcalde de Barreiros deu unha pequena charla sobre  o Concello (parroquias, actividades laborais, turismo ou mesmo do funcionamento do Concello). Despois, o propio alcalde, repartiu a cada alumnno/a de Monforte unha bolsa que incluía diversos souvenirs de recordo da súa visita, tales como un calendario do Concello, un guía turística do Concello e outra da Mariña Lucense, un conto titulado “Os Bolechas na Mariña Lucense”…

Posteriormente viaxamos en dous autobuses a San Cibrao (no autobús de Monforte ían os alumnos/as de 3º curso de EP do CEIP San Miguel de Reinante e os de 3º curso de EP do CEIP A Gándara e no autobús de Barreiros ían os alumnos/as de 4º curso de EP dos dous colexios). En San Cibrao visitamos o Museo Provincial do Mar. Como houbo que facer dúas quendas de visita ao museo cada grupo aproveitou o tempo de espera paseando pola Praia do Torno no que falamos da lenda da Maruxaina e coñecendo a vila de San Cibrao. O primeiro grupo que visitou o museo foron os alumnos/as de 3º de EP dos dous colexios e o segundo grupo foron os alumnos/as de 4º de EP dos dous colexios.  Deste xeito pensamos que aproveitamos mellor o tempo de convivencia. Ao rematar coas dúas quendas de visita, fomos a comer todos xuntos a outra praia.

Despois da comida, emprendemos a viaxe de volta en autobús cara ao noso colexio aproveitando para facer un percorrido polas praias de Barreiros (máis de 8 kilómetros de areais) desde San Cosme de Barreiros ata San Miguel de Reinante.
Finalmente e xa no colexio rematamos a xornada de convivencia cunha sesión de xogos e con tempo libre no pavillón polideportivo.
Ás 16 horas os nosos compañeiros/as partiron cara Monforte.











 
 
 

-Excursión a Monforte.
Na segunda xornada de convivencia que se celebrou o xoves 14 de xuño viaxamos a Monforte de Lemos para coñecer o CEIP Plurilingüe a A Gándara e o seu entorno e para seguir coñecendo ao nosos compañeiros/as neste intercambio cultural educativo.
Chegamos a Monforte ás 10 da mañá e visitamos as instalacións do CEIP Plurilingüe A Gándara. Logo partimos en autobús cara o centro de Monforte e visitamos o casco histórico (rúa do Cardenal, parque dos Condes, Escolapios, barrio xudío).
Despois subimos a pé ao monte San Vicente onde contemplamos este mosteiro-castelo e desde esta atalaia natural admiramos o val de Lemos.
Logo procedemos a baixar a pé ao centro de Monforte de novo e fomos ao parque dos Condes onde comemos. Tras a comida, nos desprazamos ata o parque a carón dos Escolapios onde o alumnado disfrutou de tempo de lecer.
Despois montamos en autobús para regresar ao CEIP A Gándara. Alí disfrutamos dunha sesión de xogos e de tempo libre no seu pavillón polideportivo.
Os alumnos/as do noso colexio repartiron como agasallo de despedida para cada alumno/a de Monforte unha bolsiña de organça que contiña un bítere (opérculo que ocasionalmente se atopa nas praias de Barreiros e proporciona a quen o atopa un ano de amor e sorte) e un pequeno papel acartonado no que se que explicaba que o bítere ou ollomao é a tapa ou válvula dun caracol mariño e se indicaba os usos que tiña no pasado e os que ten hoxe en día.
Ás 16 horas e despois de despedir aos nosos novos amigos/as partimos cara Barreiros.



























 






 
 
                                 
 
 


 



 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario